^ Ir arriba

novas

Monday, 27 April 2020 19:09

Gondomar implanta de forma gratuita a venda online a domicilio para o comercio local

O goberno local financiará ao 100% a cota anual daqueles establecementos que queiran sumarse á venda online a través da plataforma Dbarrio, cubrindo así mesmo os custos do traslado a domicilio ao 100% dentro do Val Miñor e bonificados ao 50% si as compras son efectuadas nos concellos limítrofes a Gondomar.

 

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, sinala que é necesario “facer un esforzo extremo para evitar a destrución de emprego e do comercio local. O noso obxectivo é incentivar os negocios familiares e o sustento de moitas familias que viven dos seus pequenos negocios, moitos mesmo herdados, e considerar ademais das connotacións económicas tenas psicolóxicas e morais que pode xerarlles verse obrigados a pechar despois de toda unha vida dedicados ao mesmo. Algo que non podemos permitir baixo ningún concepto, e os concellos temos que facer todo o posible por evitalo e por xustiza social”, aseverou o alcalde.

Despois de analizar e comparar moitas plataformas coa axuda de expertos do sector, asociacións e autónomos, entre outros, o concello de Gondomar optou pola plataforma de vendas online Dbarrio, por ser a mellor posicionada no sector, tratarse dunha empresa local e estar xa implantada en distintos lugares de España. Con esta plataforma cada comercio poderá publicitar ata 100 produtos e poñelos ao dispor dos seus clientes, incluíndo prezos, promocións, etc., e garantindo aos usuarios que “están a comprar na tenda de toda a viva, a de José ou Carmen a da esquina ou barrio, ao non estar aberta a plataforma a franquías ou establecementos de grandes superficies”.

O cliente, ademais de poder elixir e adquirir o produto que máis lle interese tamén terá a posibilidade de escoller como quere que llo entreguen, cando e onde. Un repartidor farallo chegar ao destino indicado, servizo que será totalmente gratuíto para o cliente se o seu domicilio está no Val Miñor, ao estar financiado integramente polo concello de Gondomar. A bonificación dos custos será dun 50% se o pedido realízase desde algunha localidade limítrofe como Tui ou Vigo, por exemplo.

O concello abonará un ano de subscrición á plataforma Dbarrio aos comercios locais que o soliciten, que dispoñerán tamén de asesoramento técnico municipal para poñer en marcha a ferramenta que ademais de facilitarlle a venda online permitiralles publicitar na rede @gratuitamente os seus negocios. O obxectivo é lograr que a “incentivación do comercio de Gondomar sexa imparable, facilitando a venda fose do municipio e prestando un servizo que ninguén poderá chegar a dar”, afirma Paco Ferreira. 

 

Recalca o rexedor que “a implicación directa do concello é necesaria porque pola contra o pequeno comercio non aguantará o pau desta crise que veu para quedar e que cambiará os hábitos sociais transversalmente. Hai que reinventarse e nese traballo os concellos, pero tamén outras administracións, deben axudar e moito”.

Dentro das negociacións levadas a cabo coa empresa Dbarrio, acordouse que un 0,25% dos beneficios que obteñan na facturación mensual será doado a unha conta do concello de Gondomar e destinarase á axuda de emerxencia social para familias desfavorecidas do municipio.

A intención do goberno é que o día 1 de maio empece xa a funcionar este servizo no sector da hostería, e ir incorporando paulatinamente todos os negocios do municipio, para que unha vez finalice o estado de alarma poidan arrincar “con toda a forza necesaria para facer fronte a esta profunda crise na que desgraciadamente se verán inmersos en meses futuros.”

Todos os interesados en sumarse á plataforma online deberán contactar coa Concellería de Comercio e Turismo, tlf.: 986 38 40 20, de luns a venres de 08:00 a 14:30 horas, e-mail This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it..

 

plataforma Dbarrio.jpg