O Plan Concellos 2017 é un plan financiado con fondos propios da Deputación de Pontevedra destinado á colaboración nas obras e servizos de competencia municipal dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
Un dos eixes principais deste plan é o emprego. En calquera concello, con independencia do seu nivel de desenvolvemento, a base para impulsar de forma crecente e sostible a prosperidade, a cohesión e a inclusión social é contar cunha oferta suficiente de emprego. Por iso este Plan permite que os concellos destinen unha parte importante da cantidade que lles corresponde á prestación de servizos de competencia municipal de forma directa por medio da contratación de persoal desempregado inscrito no servizo público de emprego, sempre respectando a preferencia na contratación dos colectivos máis desfavorecidos e a debida adecuación salarial á cualificación profesional dos postos que se van cubrir, co límite mínimo do salario mínimo interprofesional que estea vixente en cada momento.