^ Ir arriba

novas

Mércores, 22 Octubro 2014 13:18

A Xunta reitera o seu compromiso cos concellos galegos e destaca que este apoio se reflicte nos orzamentos 2015

O vicepresidente visitou hoxe o paseo fluvial da Coelleira, en Gondomar, cuxa adecuación financiouse ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público
Este ano as axudas contan cunha dotación de 2 millóns de euros, un 50 por cento máis que en 2013, e beneficiarán a 73 concellos galegos
Rueda salientou que este tipo de actuacións demostran as vantaxes da colaboración entre administracións e benefician directamente aos cidadáns

IMG 4590O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o paseo fluvial da Coelleira, en Gondomar, cuxa adecuación financiouse ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público. Na visita Rueda estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e do alcalde da localidade, Fernando Guitián.

Rueda salientou a importancia destas pequenas actuacións que benefician directamente aos cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Neste caso, a Xunta investiu 40.000 euros para rehabilitar e recuperar para os veciños de Gondomar un paseo fluvial que mellorou considerablemente o entorno da zona onde se ubica.

O ano pasado a Xunta e o Concello de Gondomar levaron a cabo unha adecuación do paseo que hai ao longo do río Miñor, no parque da Coelleira. Consistiu na construción dun paseo peonil cun pavimento de lousas de formigón; unha obra que recuperou o espazo verde na marxe do río e que ten especial coidado coa caída de augas pluviais a este.

O vicepresidente asegurou que a Xunta continuará facendo un esforzo para apoiar aos concellos, non só a través desta orde, senón de moitas axudas máis cuxo compromiso xa se reflicte nos Orzamentos. É o caso do Fondo de Cooperación Local, que se mantén un ano máis; o Fondo de Compensación Ambiental; as axudas para o mantemento dos CIMs; ou o apoio decidido a aqueles concellos que opten por cooperar entre si, entre outros exemplos.

Orde de infraestruturas

A Orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños, como instalacións deportivas e culturais ou prazas, paseos e parques infantís.

Un dos principais obxectivos destas axudas é contribuír ao reequilibrio territorial, sobre todo dos concellos máis pequenos, xa que está dirixida aos que teñen menos de 30.000 habitantes. Este ano as axudas contan cunha dotación de 2 millóns de euros, un 50 por cento máis que en 2013, e beneficiarán a 73 concellos.