De cara aos meses de agosto e setembro, e no marco da súa política de transparencia informativa e portas abertas, Sogama invita aos particulares que así o desexen a visitar o seu complexo medioambiental de Cerceda, onde se centralizan os residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego.
A empresa, consciente das limitacións que algúns cidadáns teñen para integrarse en grupos, dedicará determinados días de cada mes a atender as distintas solicitudes individuais recibidas. Con tal fin, estes deben contactar previamente co seu Departamento de Comunicación a través dos seguintes teléfonos: 981698500/12/11 a fin de reservar cita e intercambiar a documentación necesaria, pois non debe perderse de vista que se trata dunhas instalacións industriais suxeitas a un rigoroso protocolo de seguridade e control.
Os interesados serán atendidos por educadores medioambientais, os cales proporcionarán as explicacións pertinentes, adaptándoas ao seu perfil, guiándoos durante o percorrido a efectuar polas distintas plantas que conforman o complexo industrial.
O itinerario dará comezo pola de clasificación de envases, onde os visitantes poden comprobar o proceso de selección automática dos distintos materiais depositados pola poboación nos contedores amarelos de recollida selectiva (envases de plástico, latas e briks), destinando cada tipoloxía ao reciclador correspondente.
Acto seguido, tocaralle a quenda á planta de elaboración de combustible, na que, tras separar a parte susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio, vidro e aceiro residual), o resto convértese nun combustible derivado de residuos CDR que alimenta posteriormente unha planta termoeléctrica na que se xera electricidade suficiente para abastecer 100.000 vivendas.
Con isto, o cidadán disporá da información necesaria para coñecer con máis precisión a actividad de Sogama e facer unha valoración da mesma máis axustada á realidade.