^ Ir arriba

novas

Luns, 21 Xullo 2014 09:32

Un total de 5 nenos e nenas saharauís pasan o seu verán en Gondomar

A visita enmárcase dentro do programa 'Vacacións en paz 2014' posto en marcha pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí
Un total de 320 nenos e nenas pasarán os meses de verán en Galicia, dos cales 13 o farán no Val Miñor

visita saharauis 2

O Concello de Gondomar volve colaborar, outro ano máis, coa asociación galega Solidariedade co Pobo Saharauí e o seu programa 'Vacacións en Paz'.
'Vacacións en paz' ten por obxectivo proporcionar aos menores durante os dous meses de estanza en Galicia asistencia médica (a asociación conta cun convenio co Sergas nesta materia), a cobertura das necesidades alimenticias e ofrecerlles unha convivencia familiar e educación. Hai que destacar que os meses de verán, que son os que os nenos pasan no Val Miñor, no deserto do Sahara as condicións alcanzan dimensións extremas, con temperaturas que poden pasar dos 50 graos centígrados.

Nesta ocasión, un total de 5 nenos e nenas están a gozar os meses de verán en Gondomar. O pasado 7 de xullo, o alcalde do municipio, Fernando Guitián e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Patricia Durán recibían, na Casa Consistorial, estes nenos e nenas xunto ás súas familias de acollida, nun acto de recepción no que tamén estiveron presentes representantes da asociación Solidariedade Gallega co Pobo Saharauí.

Enrique Porto, delegado da asociación no Val Miñor, agradece a enorme colaboración do Concello de Gondomar con este programa. "Todos os anos nos reciben cos brazos abertos e axúdannos en todo o posible", afirma. No Val Miñor son un total de 13 nenos e nenas, de entre 7 e 12 anos, os que se beneficiarán deste programa. Deles, 5 en Gondomar, 6 en Nigrán e 2 en Baiona.

O programa 'Vacacións en paz', leva en marcha hai máis de vinte anos. "Aínda que xa son moitos os anos que levamos con este programa, o apoio non decae. Cada ano renóvanse as familias de acollida e a maioría delas repite experiencia", apunta Enrique Porto. Este ano, un total de 320 nenos e nenas saharauís pasarán os meses de verán en Galicia.