A Concellaría de Educación poñerá en marcha, outro ano máis, a Ludoteca Gondomar 2014, dirixida a nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos.
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Paula Bouzós busca cubrir a necesidade dos pais e nais traballadores durante a época estival. Bouzós explica que "con esta medida se pretende axudar a compatibilizar a vida laboral e familiar dos pais".
A ludoteca desenvolverase do 17 de xullo ao 15 de setembro no edificio da Unitaria de Vilaza, en horario de 09:00 a 14:30 horas de luns a venres. A programación comprende talleres, manualidades, xogos, deporte, saídas e rutas polo ámbito, con dinámicas de participación e de aprendizaxe colectiva e individual.
Os interesados poderán encontrar a solicitude de inscrición no Rexistro do Concello e en www.concellodegondomar.info.