Operarios do servizo de iluminación pública do Concello de Gondomar levaron a cabo traballos para renovar a iluminación do Parque das Ánimas.
A actuación consistiu no cambio de 17 equipos de arranque e lámpadas de vapor de mercurio de 80 W por equipos e lámpadas de haloxenuros cerámicos de 70 W de potencia.
Segundo explica o concelleiro de Medio e Servizos, Juan Carlos González Camesella, as vantaxes desta operación son a maior eficiencia enerxética dos equipos instalados, o menor consumo e unha luminosidade máis acorde cun espazo verde.
Camesella declara que a execución desta medida é froito do bo traballo que os operarios deste departamento están a realizar e espera que este pequeno cambio sexa do agrado dos veciños.
Nova iluminación no Torreiro de San Blas
O torreiro de festas de San Blas, na parroquia de Mañufe, xa conta con iluminación para eventos.
O Concello de Gondomar, a petición do Centro Cultural da devandita parroquia, procedeu á instalación neste recinto de dous focos alóxenos de 400w cada un. Esta actuación permitirá aos veciños e veciñas desta parroquia gozar dunha iluminación axeitada para os actos festivos ou culturais que alí se realicen.
O concelleiro de Servizos, Juan Carlos González Camesella, asegura que o custo desta actuación é practicamente nulo, xa que "os traballos foron realizados por operarios municipais e os focos instalados proveñen dos retirados do campo de fútbol de As Cercas", "tras a renovación da iluminación do campo".