^ Ir arriba

novas

Mércores, 18 Xuño 2014 08:32

A Casa Consistorial de Gondomar acolle a exposición itinerante do VII Certame fotográfico Viaxando

A mostra permanecerá aberta ata o 1 de xullo
Paralelamente, ábrese o prazo para participar na VIII edición deste concurso organizado polas OMIX do Baixo Miño e Val Miñor e pola Casa de Xuventude de Tui

Este martes inaugurouse na Casa Consistorial de Gondomar a exposición fotográfica do VII Certame Fotográfico, do pasado 2013, Viaxando.

A exposición itinerante, que permanecerá aberta ata o 1 de xullo, recolle un total de 36 instantáneas achegadas por participantes dos concellos de Baiona, Gondomar, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Porriño e Tui.

A gañadora do premio da VII edición deste certame foi Carmen Díaz del Río Núñez-Torrón coa fotografía MAUSEOLEO HO CHI MINH, HANOI, presentada na OMIX de Gondomar.

A actividade, organizada polas sete OMIX do Baixo Miño e Val Miñor e pola Casa de Xuventude de Tui, é un certame cuxa traxectoria se afianza ano tras ano, chegando a converterse en todo un referente para a xuventude con interese pola fotografía.

Aberto o prazo da VIII edición

Paralelamente á inauguración da mostra, vén de abrirse o prazo para participar na oitava edición deste certame. Poderán participar os mozos e mozas de entre 12 e 35 anos cunha única fotografía que terá que ser orixinal e inédita, cunha temática que responda ao título do certame, Viaxando. As bases e fotografías a concurso serán recollidas na OMIX do concello correspondente.