^ Ir arriba

novas

Mércores, 04 Xuño 2014 13:46

As Escolas Deportivas de Gondomar clausuran o curso cunha exhibición no Pavillón Municipal

Un total de 269 alumnos/as amosaron as habilidades adquiridas durante o curso en distintas exhibicións

Escolas deportivas

O deporte foi o gran protagonista esta pasada fin de semana na clausura do curso 2013/2014 das Escolas Deportivas que ten en marcha o Concello de Gondomar. Durante o acto, que se celebrou no Pavillón Municipal desde as 18.00 horas, un total de 269 alumnos/as das diferentes Escolas amosaron o aprendido no curso en distintas exhibicións das modalidades ofertadas.

O acto de clausura arrancou coa actuación da Escola de Balonmán á que lle seguiron a de Judo, Futbito que foi a gran novidade este ano, Patinaxe que con máis de cen alumnos voltou ser a actividade con maior participación, Tenis, Patinaxe de novo, Tenis de Mesa, Multideporte e Taekwondo.

Como broche final, os pequenos recibirán diplomas acreditando a súa participación e uns agasallos para agradecer o seu esforzo e dedicación.

Modalidades ofertadas

Durante o curso 2013/2014, as actividades deportivas ofertadas foron: patinaxe, ximnasia de mantemento, iniciación ao deporte, deportes colectivos e acrobacias ximnásticas, taekwondo, piragüismo, tenis, tenis de mesa e atletismo (estes catro últimos grazas a un convenio cos distintos clubes deportivos). Ademais este ano incorporáronse catro novas escolas deportivas: actividade física e deportiva, balonmán, judo e futbito (estas tres últimas son escolas deportivas da Deputación que este curso se implantaron en Gondomar).

Un ano máis, as actividades de patinaxe e taekwondo acapararon o interese dun gran número de alumnos. Só en patinaxe matriculáronse este ano 105 nenos e nenas. A gran novidade este ano foi a gran participación rexistrada no primeiro ano da modalidade de Futbito con 34 alumnos/as.