^ Ir arriba

novas

Mércores, 04 Xuño 2014 09:38

Gondomar acolle este domingo o 1º Circuito Enduro BTT

Organizado polo Concello de Gondomar e o Club Ciclista Bici Verde

O Concello de Gondomar volve a apostar pola competición de BTT, nesta ocasión na modalidade de enduro, organizando, xunto co Club Ciclista Bici Verde, o 1º Circuito Enduro BTT Concello de Gondomar que discorrerá polas Comunidades de Montes de San Bieito, Mañufe e Donas con saída e chegada na Praza do Concello.

Na mañá de hoxe tivo lugar a presentación deste Circuito, que terá lugar o domingo 8 de xuño, desde as 09.00 horas, e na que xa se conta cun total de 120 participantes, aínda que se estima que poidan chegar aos 150.

No acto estiveron presentes Fernando Guitián, Alcalde de Gondomar, Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes do Concello de Gondomar; Esteban Lorenzo, Presidente do Club Bici Verde e os riders Rubén Rodríguez, líder do Open de España de Enduro e Toni Pérez, campión Open de España de Enduro 2012 e 2013.

A proba e o circuíto

A competición disputarase nas categorías Cadete, Junior, Sub-23, Éllite, Féminas, Senior, Máster 30, Máster 40 e Máster50/60.

O circuíto ten unha distancia a recorrer de 32 km, con cinco tramos cronometrados – Tramo 1 Anca, Tramo 2 Bici O Con, Tramo 3 Xtrembike, Tramo 4 Bicitour e Tramo 5 Tramo Libre- e un desnivel de 1500 metros con saída e chegada na Praza do Concello. Destacar o último tramo cronometrado que será o descenso polas escaleiras da Igrexa, en torno ás 13.00 horas.

Na xornada do sábado 7 terá lugar na Praza do Concello das inscricións e recoñecemento libre dos tramos para os participantes. Xa na xornada do domingo, a partir das 09.00 horas, dará comezo a competición que finalizará ao redor das 14.30 horas coa entrega de premios.

O evento conta co patrocinio principal del Concello de Gondomar, Comunidade de Montes de San Bieito, Anca, Bici O Con, Xtrembike, Bicitour e Tramo Libre.

Ademais, do patrocinio de Máis que Bicis, Reforgal, Imprime, Talleres Hermida, Auto Otero e Anita Racing e a colaboración da Xunta De Galicia, Deporte Galego, Galicia Saudable, Comunidad de Montes En Man Común de Mañufe, Comunidade de Montes En Man Común Santa Eulalia de Donas, Protección Civil de Val Miñor e Rosquillas Cristaleiro.