^ Ir arriba

novas

Venres, 02 Maio 2014 13:03

A II edición do Festival Internacional de Teatro Ponte… na Escena volve a Gondomar con máis días e novas propostas para todos os públicos

Terá lugar os días 8, 9, 10 e 11 de maio

O festival nace da vontade de crear un espazo para o intercambio e o troco no ámbito lusófono

A Concellaría de Cultura de Gondomar organiza por segundo ano consecutivo o evento, xunto con Ponte... nas Ondas e Limiar Teatro

Festival2

A Concellaría de Cultura de Gondomar organiza, por segundo ano consecutivo, xunto co proxecto Ponte... nas Ondas e Limiar Teatro a II edición do Festival Internacional de Teatro, que terá lugar en Gondomar os días 8, 9, 10 e 11 de maio.

Esta mañá tivo lugar a presentación da 2ª edición deste festival nun acto que contou coa presenza de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; o xefe territorial de Cultura e Educación de Pontevedra, César Pérez Ares; Fernando Guitián, Alcalde de Gondomar e Ignacio Troncoso, concelleiro de Cultura de Gondomar, e representantes de Ponte... nas Ondas, Santiago Veloso, e da compañía Limiar Teatro, Francisco Núñez.

O Festival naceu o ano pasado dentro do proxecto Ponte...Nas Ondas, coa vontade de crear un espazo para o intercambio e o troco no ámbito lusófono. Un espazo que até o de agora non existira en Galicia.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia valorou esta cita como unha aposta pola cultura de base na lusofonía e pola recuperación dos símbolos tradicionais do imaxinario galego, a través da recuperación de personaxes como o de Barriga Verde, o monicreque que a familia Silvent levou en representacións por toda Galicia na primeira metade do século XX.

O Festival medra

A programación deste ano supón un salto cualitativo con respecto á primeira edición, pasando de tres a catro xornadas e incorporando por unha banda ao público infantil con importantes apostas; e por outra, un foro de teatro que materializa o verdadeiro espírito de intercambio cultural deste festival.

Como propostas para esta nova edición destacar o proxecto de recuperación dunha das expresións do noso patrimonio inmaterial, Barriga Verde, proposta ambiciosa da "Asociación Morreu o demo", coa execución de Viravolta Títeres que terá unha presenza constante ao longo do festival coa exposición ONDE FOI BARRIGA VERDE? no Auditorio Lois Tobío, aberta ao público e ás visitas escolares.

Directamente de Sao Paulo (Brasil) chega Boccacione, con dous espectáculos, un para os máis pequenos, O JOVEM TEIMOSO QUE NAO QUERIA MORRER e unha representación dun clásico da literatura brasileira, A IGREJA DO DIABO.

Fafe Cidade das Artes, parceiros do festival, presentan o espectáculo de rúa, ZÉ DO PITO O MATA 7 baixo a dirección de Moncho Rodríguez.

E desde a Bahía, con Maren Vargens como directora, chega a compañía Toca de teatro, cunha recoñecida obra, AMNÉSIS. Maren Vargens realizará tamén unha intervención pública no bar Catro Camiños.

Finalmente, da lusofonía francesa, desde París, Goudou Teâthre presenta ALMANAQUEM PARA UMA VIAGEM, unha metáfora da metamorfose da vida na procura das raíces.

A música terá tamén neste festival unha proposta novidosa en Galicia, trátase da cantante JU que realizará unha intervención acompañada polo seu guitarrista.

Foro aberto do teatro na lusofonía 'Oportunidades e Pontes'

O festival tamén quere abrirse nesta edición ás persoas que aman e viven o teatro intensamente e, para iso, realizarase un encontro de todos os grupos con afeccionados e xente interesada en trocar experiencias.

Actores de Bahía, directores de Portugal, actrices de Francia, cantantes de Portugal, titiriteiros de Galicia, músicos de Brasil, programadores e compañías de teatro afeccionado vanse dar cita o sábado 10 de maio ás 11.00 hs. no Centro Neural de Gondomar para abrir camiños de colaboración e entendemento desde as diferentes propostas escénicas que o festival ofrece.

A directora brasileira Maren Vargens, o director galego Fran Núñez e o portugués Moncho Rodríguez moderarán un foro aberto a todas as persoas que queiran debater, achegar propostas e establecer pontes de diálogo con outras compañías.

A organización do festival anima a todas as persoas relacionadas coas artes escénicas a presentar os seus traballos artísticos neste foro para que sexan coñecidos e teñan oportunidade de ser trasladados a outros contextos favorecidos pola proximidade cultural e lingüística. Ao remate, no bar Catro Camiños, Maren Vargens porá "en escea" "Qualquer coisa a gente inventa".

Implicación comarcal e outros colectivos

Esta 2ª edición pretende consolidar a Gondomar como referencia do teatro e estender as actividades do festival aos concellos da comarca do Val Miñor. "Desde Gondomar facemos unha aposta moi importante pola cultura, polo teatro. Temos unha programación moi diversa e constante" afirma o rexedor gondomareño, quen aproveitou para informar de que as obras do Auditorio Lois Tobío avanzan e estarán rematadas nuns meses.

O gran reto desta 2ª edición do Festival tamén é unha oportunidade para promover a implicación dos concellos e outras agrupacións da comarca. Deste xeito, a Residencia dos Artistas do Festival estará na Casa Colorida de Nigrán e, pola súa banda, Baiona (na rúa Carabela la Pinta) acollerá, o sábado día 10 ás 17.00 horas, o espectáculo ZÉ DO PITO O MATA 7 de Fafe Cidade das Artes.

Primeira edición

O festival na súa primeira edición, en maio de 2013, contou co apoio do Concello de Gondomar e o proxecto Fafe Cidade das Artes. Nesa primeira andaina, dedicou un día ao teatro galego con dúas funcións, a de Oito milímetros, na taberna 4 Camiños, e a de Limiar Teatro no Auditorio Lois Tobío coa obra Verbum-Fahrenheit.

O segundo día estivo adicado ao Brasil, con dúas propostas, a da compañía Farándula do Rio de Janeiro coa obra Quando se abrem os guarda-chuvas e a do teatro Andante de Minas Gerais con Olympia.

E o terceiro día foi a quenda para o teatro portugués, cunha montaxe da factoría Fafe cidade das artes, O labirinto de amor e morte e o Teatro Invisível de Lisboa coa obra A visita.

O II Festival Internacional de Teatro Ponte... na Escena conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, ademais da colaboración da Casa Colorida de Nigrán, Fafe Cidade das Artes e Fora do Eixo.