^ Ir arriba

novas

Luns, 21 Abril 2014 13:14

Últimos días para presentar traballos á XII edición do Certame Literario Conde de Gondomar

Poderán participar todos os autores de 3º Ciclo de Educación Primaria, ESO e Bacharelato que residan no Val Miñor e non superen os 20 anos

Os traballos deberán ser remitidos antes deste mércores, 23 de abril, ás oficinas do Concello de Gondomar (Rexistro) ou ser entregados directamente no Rexistro

Desde a concellaría de Educación, dirixida por Paula Bouzós, infórmase de que os interesados en participar na XII edición do Certame Literario Don Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar deberán remitir as súas obras antes deste mércores, día 23.

Nesta XII edición, establécense dúas modalidades, Poesía e Relato Curto. Poderán concorrer todos os autores de 3º Ciclo de Educación Primaria, ESO e Bacharelato que residan no Val Miñor e non superen os 20 anos.

Os participantes poderán presentar, individualmente, unha única obra, por cada unha das modalidades, de tema libre que deberá remitirse á seguinte dirección: Oficinas Concello de Gondomar (Rexistro), Praza Doutor Latino Salgueiro s/n 36380 Gondomar. Tamén se poderán entregar directamente no Rexistro do Concello.

Concederanse dous premios por cada nivel, un por poesía e outro por relato curto:

  • Nivel1: terceiro ciclo de educación primaria. Dous premios por valor de 150 euros.
  • Nivel 2: 1º, 2º, e 3º da ESO Dous premios por valor de 200 euros.
  • Nivel 3: 4º da ESO e Bacharelato. Dous premios por valor de 300 euros.
  • Un premio por valor de 250 euros para o centro con maior participación e calidade.

Ademais o xurado poderá facer entrega dos accésits que considere oportunos, declarar deserto algún deles ou repartilo ex aequo entre dous autores.

Coa posta en marcha deste certame o Concello de Gondomar asume un compromiso co que pretende potenciar a creatividade literaria da xuventude en lingua galega.
Todos os interesados que desexen maior información poderán consultar as bases aquí.