^ Ir arriba

novas

Martes, 15 Abril 2014 12:57

Comeza unha Semana Santa chea de deporte en Gondomar

O Concello propón unha Semana Santa chea de deporte coa celebración do IV Campus Deportivo de Semana Santa e o XII Torneo de Semana Santa de Fútbol 8

Campus Semana Santa 3

Con motivo da celebración da Semana Santa, a Concellaría de Deportes do Concello de Gondomar, dirixida por Natalia Salgueiro, iniciou a súa programación de actividades para os adultos e os máis pequenos.

Hoxe deu comezo o IV Campus Deportivo de Semana Santa, destinado a nen@s de entre 5 e 12 anos. Durante hoxe luns, mañá martes e o próximo mércores máis dun centenar de participantes poderán practicar diferentes modalidades deportivas, de forma gratuíta, grazas á inestimable colaboración dos clubs locais entre os que se encontran: a Sociedade Atlética Val Miñor, o Club de Salvamento e Piragüismo Val Miñor, a Agrupación Deportiva Vincios de Tenis de Mesa, o Club de Tenis Gondomar e o Vincios Fútbol Sala.

En cada xornada desenvolveranse dúas actividades: hoxe foi a quenda do atletismo e multideporte. Mañá, piragüismo e multideporte e finalmente, o mércores, tenis e tenis de mesa.

Natalia Salgueiro, responsable da área de Deportes do Concello, explica que "este campus ten como obxectivo ofrecer a posibilidade aos nenos e nenas de gozar das vacacións e do deporte durante a Semana Santa e aos seus pais, a posibilidade de conciliar a súa vida familiar e laboral durante esta época". "Ademais, deste modo, tamén potenciamos as distintas actividades deportivas que durante o ano escolar se desenvolven nas escolas deportivas municipais", conclúe.

A edil agradece, tanto ao persoal do Concello como aos distintos clubs locais, a súa colaboración sen a cal este campus non tivese sido posible.

XII Torneo de Semana Santa de Fútbol 8 Concello de Gondomar

Seguindo coa programación deportiva para esta Semana Santa, o próximo xoves 17 de abril, terá lugar o xa tradicional Torneo de Semana Santa de Fútbol 8 organizado polo Gondomar Fútbol Base en colaboración coa Concellaría de Deportes.

A competición desenvolverase no campo municipal de As Cercas, durante o xoves, en horario de 11.00 a 19.00 horas (clasificatorio pre-benxamín); o venres de 10.00 a 21.00 horas (clasificatorio crías) e o sábado de 10.00 a 19.30 horas (fases finais).

Participarán o Gondomar Fútbol Base, Arosa SC, Tyde CF, AJ Lérez, Ponte Ourense, EFB Moañesa, Rápido de Bouzas, Pabellón Ourense CF, Valladares, Céltiga, Pontevedra e Val Miñor.