^ Ir arriba

novas

Martes, 15 Abril 2014 10:42

O equipo de goberno do Concello remite á oposición o novo documento do PXOM

O documento foi entregado en formato dixital e contempla as distintas propostas achegadas en reunións anteriores pola oposición

O obxectivo do goberno municipal é acadar o "máximo consenso posible" en torno ao documento antes da súa aprobación inicial en pleno

O concelleiro responsable da área de Urbanismo do Concello de Gondomar, Carlos Lameiro, vén de anunciar que, o pasado luns día 14, fíxose entrega da proposta de ordenación urbanística, elaborada polo equipo redactor, aos voceiros dos distintos grupos políticos da corporación municipal, antes de proceder á súa aprobación inicial en pleno.

O novo documento do PXOM, que foi entregado en formato dixital, contempla as distintas propostas achegadas anteriormente pola oposición. "O CD inclúe toda a información necesaria para que os distintos partidos poidan estudalo, analizalo e coñecer todos os pormenores da proposta antes do debate plenario ao que será sometido o contido do texto", afirma Lameiro.

Deste xeito, ratifícase a transparencia e vontade de consenso do goberno municipal durante o proceso de aprobación do PXOM. O edil gondomareño recoñece que "o noso propósito é acadar o máximo consenso posible en torno ao documento, xa que se trata de definir o Plan que Gondomar precisa".

Así mesmo, o PXOM xa está dispoñible na páxina web municipal, desde onde poderá ser consultado por todos os veciños e veciñas do municipio. "O documento estará nestes días na páxina web do Concello, ao alcance de todos os nosos veciños que estean interesados en estudalo e coñecelo", explica Lameiro.