O pasado xoves, no pavillón municipal de Gondomar, tivo lugar un encontro deportivo onde máis dun centenar de nenos/as dos centros educativos de Peitieiros, Vincios e Donas puideron gozar dunha xornada de judo.
A iniciativa, da Concellaría de deportes, contou co apoio da Federación de Judo cuxos monitores dirixiron a actividade, así como coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que puxo a disposición dos distintos centros educativos o transporte necesario para que os nenos e nenas participantes se desprazasen ata o pavillón.
Natalia Salgueiro, concelleira de deportes do municipio, agradece enormemente a colaboración da Federación e da Xunta de Galicia, xa que "sen a súa axuda esta xornada non tivese sido posible".
Promoción do judo
O pasado sábado, 1 de marzo, o Pavillón de Deportes de Gondomar acollía a primeira xornada da Fase Sur de XogaJudo, unha actividade organizada pola Federación Galega de Judo e enmarcada dentro do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
A actividade, na que participaron un total de 335 judokas crías e infantís, ten como principais obxectivos iniciar os nenos e nenas na competición deportiva dun xeito sinxelo e divertida; ademais de estimular e educar cun regulamento que dá prioridade a valores como o compañeirismo por enriba do resultado deportivo.
Con estas actividades co judo como deporte principal, o Concello de Gondomar busca promover a súa escola municipal de judo, implantada este ano por primeira vez a Deputación de Pontevedra e que se desenvolve no pavillón municipal os venres, en horario de 17.00 a 18.00 horas.