O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou onte Gondomar para comprobar o avance das obras de mellora que se están a realizar nas instalacións do Auditorio Lois Tobío, nas que a Consellería colabora cun total de 170.000 euros.
A actuación, que conta cun orzamento total de 250.000 euros, ten por obxectivo adecuar e mellorar os espazos do edificio para mellorar os servizos que se ofrecen aos seus usuarios. Deste xeito, o proxecto abrangue entre as súas melloras:
- Creación dunha zona de vestiarios inexistente ata agora
- Adecuación do vestíbulo e aseos
- Habilitarase unha nova entrada ao Auditorio. A situación da entrada actual, situada nun lateral, interrompía o desenvolvemento dos espectáculos dadas as entradas e saídas do público
- Creación dunha zona de carga e descarga
- Adecuación da platea para outros usos
- Mellorarase o acceso ao escenario á persoas con mobilidade reducida ou problemas de visión
O conselleiro, que estivo acompañado na súa visita polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e polo alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, explicou que esta actuación "enmárcase nunha aposta por parte da Consellería de Cultura e Educación para acondicionar e equipar as infraestruturas de carácter sociocultural que non se atopan en condicións óptimas para o seu uso e así conseguir que os distintos concellos de Galicia poidan ofrecer á poboación unha oferta sociocultural diversa e de calidade".
Pola súa banda, o rexedor gondomareño amosouse moi satisfeito co proxecto. "Estas obras converterán ao Lois Tobío nun auditorio acorde á programación cultural que alberga, ademais de mellorar a calidade dos servizos que aquí lles ofrecemos aos nosos veciños e veciñas", afirma.