^ Ir arriba

novas

Luns, 30 Decembro 2013 08:40

Elfos e Calcetíns reparten xoguetes entre 70 nenos e nenas de Gondomar

- Esta iniciativa solidaria ten por obxectivo repartir agasallos entre os nenos/as de familias con escasos recursos económicos

- Patricia Durán, concelleira de Benestar Social, agradece a colaboración e participación de toda a xente que fixo posible esta acción solidaria

Gondomar, 26 de decembro de 2013.- Un total de 70 nenos e nenas de Gondomar víronse beneficiados da acción solidaria Elfos e Calcetíns, que en colaboración co Concello de Gondomar, repartiron xoguetes e ilusión entre os máis pequenos da casa.

Elfos e Calcetíns naceu coa intención de que non houbese ningún neno/a sen agasallo en Nadal. A mecánica é sinxela. Cada Elfo (voluntarios colaboradores de Papá Noel) ten asignado un 'Calcetín' (nenos e nenas, cuxas familias teñen escasos recursos económicos). Os pequenos/as, escriben ás súas cartas coa súa lista de regalos ou un só se é o que máis lle gusta. Cada carta é remitida ao Elfo que corresponde para que se encargue de conseguir o regalo que pide 'o seu Calcetín' e depositalo no 'Punto Elfo'. Unha vez alí, os regalos son recollidos e distribuídos entre os rapaces en rapazas.

"Grazas a esta bonita iniciativa 70 nenos e nenas de Gondomar puideron vivir a maxia do Nadal, a pesares da difícil situación económica que atravesan as súas familias", explica Patricia Durán, concelleira de Benestar Social, departamento colaborador coa campaña; e engade que "desde o Concello de Gondomar queremos agradecer enormemente a Elfos e Calcetíns e a todas as persoas que participaron dalgún xeito con esta iniciativa a súa solidariedade e colaboración".