Gondomar, 19 de decembro de 2013.- O neurólogo de Povisa, o doutor Pato, impartiu na tarde de onte, no Centro Neural de Gondomar, unha conferencia sobre as particularidades médicas que rodean á enfermidade do Alzheimer. Á charla asistiron máis de 40 persoas que se interesaron por coñecer os síntomas que presenta esta enfermidade así como todo o relacionado co seu tratamento.
Baixo o epígrafe de Enfermidade de Alzheimer: que é?, onde estamos?, cara onde vamos?, o doutor Pato incidiu na importancia dunha detección temperá para facerlle fronte, do mellor xeito posible, a esta enfermidade dexenerativa que cada día afecta a máis persoas.
Por outra banda, fixo fincapé no grande impacto que esta enfermidade supón, non só para os afectados, senón tamén para os seus familiares, que se converten en coidadores e sofren as consecuencias desta doenza.
Tras a conferencia abriuse un coloquio no que os asistentes puideron formularlle ao doutor todas as súas
dúbidas.
Gondomar pechou o ciclo destas conferencias enmarcadas dentro da campaña informativa sobre a enfermidade de Alzheimer, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Fundación Colexio Médico de Pontevedra, e na que colaboraron 42 concellos da provincia.