Gondomar, 19 de decembro de 2013. - O Servizo de Consultas Ambientais, Línea Verde, alzouse co "Premio 2013 ao Maior Impacto Cidadán" outorgado por Ecovidrio. O Concello de Gondomar conta dende o pasado mes de maio con este innovador servizo gratuíto onde veciños e empresas poden resolver todas as súas dúbidas relacionadas co medio ambiente, ademais de notificar as incidencias que detecten no municipio.
Poden facelo mediante dúas vías: a través da páxina web www.lineaverdegondomar.com; ou a través da aplicación gratuíta para móbiles Línea Verde. En menos de 24 horas, un grupo de expertos atenderán as preguntas e xestionarán as incidencias formuladas.
Ademais, Línea Verde Gondomar pon a disposición dos usuarios información moi útil en materia ambiental como ordenanzas, regulamentos, actualidade, preguntas frecuentes, eventos de interese, etc.
Balance Línea Verde Gondomar
Dende a súa presentación no pasado mes de maio, e ata hoxe, foron moitos os que visitaron a Línea Verde Gondomar. Dende entón, recibíronse un total de 103 incidencias. Por departamentos, Vías e Obras suma 35 incidencias, Mobiliario Urbano e Parques e Xardíns 10 cada un, Limpeza Viaria 9, Iluminación pública e electricidade 8, Recollida de residuos domiciliarios, Seguridade Cidadá e tráfico e Medio Ambiente 7 cada un, Retirada de vehículos e Outros 3 cada un, e Recollida de animais abandonados e Transporte 2 cada un.
Destas incidencias recibidas, 46 xa foron solucionadas, 32 están en proceso, 22 foron denegadas e 3 foron eliminadas.
Línea Verde é un exemplo máis de como o Concello de Gondomar incorpora novos servizos para mellorar a súa atención ao cidadán e fomentar a súa participación e colaboración coa institución, ademais de reforzar a súa aposta polo medio ambiente.