^ Ir arriba

novas

Martes, 17 Decembro 2013 13:47

Gondomar prepara o seu Nacemento Vivente por terceiro ano consecutivo

- A Concellaría de Cultura convida á participación tanto na montaxe como na representación deste evento que se celebrará os días 25 e 29 de decembro e o 5 de xaneiro na Praza Paradela (ao lado do Concello)

- Seguindo coas actividades de Nadal, xa se instalou o Buzón Real no que os nenos e nenas poderán depositar as súas cartas dirixidas aos Reis Magos

Gondomar, 17 de decembro de 2013.- Por terceiro ano consecutivo, a Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar prepara o Nacemento Vivente coa colaboración de veciños e veciñas, e que se representará os días 25 e 29 de decembro e o 5 de xaneiro na praza Paradela (os xardíns próximos á Casa Consistorial), de 17.00 a 19.30 horas.

Dende a Concellaría de Cultura convídase a todo o que o desexe a participar tanto na montaxe do espectáculo como na súa representación. As labores previas de elaboración de decorados e da preparación do nacemento realizaranse todos os días, ás 16.00 horas na praza Paradela.

As persoas interesadas poden poñerse en contacto co Departamento de Cultura no 986 363 913, ou ben coa Asociación de Mulleres Rurais a través do teléfono 682 074 884.

Buzón Real

Seguindo co calendario de actividades de Nadal do Concello de Gondomar, a Concellaría de Cultura pensa os protagonistas destas datas, os máis pequenos da casa. Por iso, como en anos anteriores, instalouse na Praza do Concello, o Buzón Real.

Os nenos e nenas que o desexen poderanse achegar ata as inmediacións da Casa Consistorial e depositar na caixa de correo as cartas que lles escriban aos Reis Magos.