^ Ir arriba

novas

Martes, 03 Decembro 2013 09:59

A compañía ATSA móstrase disposta a negociar para resolver o problema do transporte público de Gondomar

- O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, acompañado por representates da Plataforma por un Transporte Público digno para Gondomar e o Val Miñor reuniuse coa empresa dentro da rolda de encontros que se están a levar a cabo entre as partes implicadas no conflito

- No encontro tamén estiveron presentes o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o xefe do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade e o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos de Gondomar

atsa

Gondomar, 29 de novembro de 2013. - Na mañá de onte, o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, acompañado por representantes da Plataforma por un Transporte Público digno para Gondomar e o Val Miñor, reuniuse con representantes da empresa de transportes ATSA nun encontro ao que tamén asistiron o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o xefe do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade e o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Gondomar, Juan Carlos González.

A cita enmárcase dentro da rolda de encontros que se están a levar a cabo entre as partes implicadas no conflito do transporte público en Gondomar. Se a pasada semana, a compañía Melytour trasladou a súa vontade de negociar, esta vez foi ATSA a que tamén mostrou unha clara disposición para tratar de resolver o problema e chegar a un acordo entre as partes.

Á espera de que se fixe a data para outro encontro no que estarán presentes as dúas compañías que operan no municipio, Melytour e ATSA, o rexedor gondomareño mostrouse satisfeito cos pasos "lentos pero satisfactorios", que se están a dar e que, como espera, terán "unha solución beneficiosa para os nosos veciños e veciñas".