^ Ir arriba

novas

Venres, 22 Novembro 2013 11:08

Un total de 255 mozos e mozas de Gondomar participarán na campaña Faite Ver

- O obxectivo desta campaña é o de concienciar a ciclistas e peóns de que eles tamén son parte da circulación e proporcionar os coñecementos necesarios para circular correctamente e evitar situacións de risco
- A campaña está promovida pola concellaría de Xuventude do Concello de Gondomar en colaboración coa Concellaría de Tráfico e Seguridade Cidadá

faite verGondomar, 22 de novembro de 2013.- O vindeiro luns, 25 de novembro, dará comezo a III Campaña de Educación Vial Faite Ver, promovida pola concellaría de Xuventude do Concello de Gondomar en colaboración coa Concellaría de Tráfico e Seguridade Cidadá.
O obxectivo desta campaña é o de concienciar a ciclistas e peóns de que eles tamén son parte da circulación, e polo tanto tamén deben de seguir unha serie de normas. Para isto informaráselles dunha serie de coñecementos, destrezas e actitudes necesarias para circular correctamente pola vía, ademais de advertir do uso dos elementos reflectantes (para facerse ver) en situacións adversas.
Nesta III campaña participarán 255 alumnos/as dos catro centros de Educación Primaria do Concello de Gondomar , así como, dos dous centros de Educación Secundaria.
Esta iniciativa leva funcionando anualmente dende o 2011 e desde entón un total de 900 mozos e mozas participaron nestas campañas que buscan aportar os coñecementos necesarios para que, tanto peóns como ciclistas, eviten situacións de risco e non cheguen a padecer as consecuencias dun accidente de tráfico.