^ Ir arriba

novas

Mércores, 20 Novembro 2013 11:47

O alcalde firma un convenio coa Sociedade Cultural de Morgadáns para a adecuación da pista deportiva situada no barrio de San Roque

- Mediante o convenio, o Concello de Gondomar aporta 3.000 euros para as obras que deberán ser executadas pola propia sociedade
- Así mesmo, o documento establece que o Concello poderá tamén facer uso, previo aviso, das pistas. Pola súa banda, a Sociedade Cultural de Morgadáns comprométese a organizar un torneo anual de futbito, programado en colaboración coa Concellaría de Deportes

Gondomar, 20 de novembro de 2013.- O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, vén de asinar co presidente da Sociedade Cultural San Roque de Morgadáns, Manuel Alonso, un convenio polo que se establecen as bases de colaboración entre ambas institucións, para a adecuación e acondicionamento da pista deportiva situada no barrio de San Roque, a carón do edificio do centro cultural.
A través deste convenio, o concello de Gondomar achegará 3.000 euros para a realización das obras que correrán a cargo da Sociedade Cultural San Roque de Morgadáns. A actuación consistirá na aplicación dunha capa de pintura antideslizante sobre o pavimento existente, que posibilite o uso deportivo da mencionada pista, xa que a súa situación actual imposibilita a práctica deportiva de xeito seguro, dado que o pavimento mollado crea unha película deslizante perigosa.
Por outra banda, en virtude do documento, a Sociedade Cultural de Morgadáns comprométese a organizar un torneo anual de futbito, programado en colaboración coa Concellaría de Deportes, coa finalidade de contribuír á promoción e práctica desta modalidade deportiva entre os mozos/as do municipio.
Ademais, e como mostra da colaboración entre ambas entidades, O Concello de Gondomar, previo aviso e sen que isto interfira nas actividades organizadas dende a propia asociación, poderá facer uso ou autorizar a utilización da pista a terceiros.

O rexedor gondomareño, Fernando Guitián, recoñece que "a firma deste convenio resolve, por fin, os problemas da pista deportiva de San Roque", posibilitando "a realización dunha obra moi demandada desde a Sociedade Cultural San Roque", e engade que "desde o Concello seguiremos apostando polo compromiso cos nosos veciños e veciñas de Morgadáns"