Gondomar, 13 de novembro do 2013.- Mañán xoves, 14 de novembro, no marco do programa Gondomar Emprega que a Concellería de Formación e Emprego do Concello de Gondomar está desenvolvendo este último trimestre do ano, terá lugar un obradoiro para mostrar o actual escenario da formación, especialmente aquela ligada ao emprego.
A sesión, que terá lugar no Centro Neural do municipio ás 10.30 horas, será impartida por Conchi Cuña, experimentada informadora e asesora cunha ampla experiencia traballando en distintos centros de xuventude. O obradoiro servirá para aproximarse aos recursos formativos para o emprego, facendo unha revisión das diferentes opcións de formación e capacitación para mellorar a empregabilidade e as opcións de conseguir un emprego.
O obxectivo principal da xornada será que as persoas podan coñecer as posibilidades de formación que existen no noso entorno, xa que a formación é unha das chaves para mellorar as opcións de emprego e finalmente conseguir un traballo.