Gondomar, 7 de novembro de 2013.- O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra recolle no seu número de onte a modificación da Ordenanza Municipal de Carga e Descarga do Concello de Gondomar, que xa está en vigor. No novo documento enténdese por carga e descarga a realizada comercialmente por persoas que realizan as súas tarefas con carácter profesional e mediante vehículos considerados legalmente como comerciais quedando, deste xeito, excluídas as cargas e descargas de carácter privado.
Así mesmo a regulación establece dous tipos de zonas de carga e descarga:
- As zonas libres: que poderán ser utilizadas por todas as persoas que teñan que realizar este tipo de tarefas. A ordenanza recolle como zonas libres as rúas Ángel Urzáiz (onde se ubicaba a parada de autobuses de ATSA), Eduardo Iglesias (ao final da parada de taxis e desde o final da mesma ata o remate da rúa), Rosalía de Castro (nas inmediacións da Praza de Abastos), Portugal (a seguir dos estacionamentos de minusválidos), San Bieito (fronte ao supermercado), Elduayen, Levada do Beco, o Lugar de Fontán (entre os edificios 1B e 1H) e o comezo da Avenida do Conde.
- As zonas reservadas ou restrinxidas: que só poderán ser utilizadas polos titulares dese aproveitamento especial, de acordo coa autorización municipal correspondente, dentro do horario establecido e tralo pagamento das taxas establecidas pola ordenanza fiscal reguladora. A delimitación destas zonas farase unha vez que se solicite polos interesados/as, e trala súa concesión.
Autorízase a carga e descarga neste lugares sinalados, que deberán estar debidamente sinalizados en horario de 8.00 a 12.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, os días laborais de luns a venres; e de 8.00 a 12.00 horas, os sábados.
Do mesmo xeito, o documento recolle as sancións para todos aqueles actos que supoñan un incumprimento das obrigas nel contidas.
O Concello de Gondomar aumenta, así, nesta nova ordenanza as zonas e horarios para destinados á carga e descarga co obxectivo de establecer unhas normas que permitan unha mellor utilización do espazo público e a consecuente fluidez no tráfico que se ve impedida pola, cada vez maior, utilización de vehículos.