No proxecto presentado onte, considéranse múltiples medidas co obxectivo de paliar os efectos das posibles inundacións que se poidan producir durante a tempada de chuvias. Entre elas barállase a posibilidade de rebaixar a zona situada entre o Campo de Fútbol e o río para, así, ampliar a sección na que a auga se podería acumular evitando que desbordase e chegase a outros lugares. Por outra parte, formúlanse medidas que melloren a evacuación das chuvias. A creación dun caudal no Zamáns podería facilitar a drenaxe das augas no caso de que aumentase o nivel da auga no río.
Outras obras propostas dende Augas de Galicia son a ampliación da ponte da circunvalación do matadoiro, ou a suba do muro de protección da zona de Abastos.
Dende o Concello deuse o visto e prace ao proxecto e están á espera de recibir o proxecto na súa totalidade para coñecer e solicitar todos os permisos que sexan requiridos para iniciar as obras. "Con estas medidas melloraremos moito en canto á prevención de inundacións no núcleo do municipio, e evitaremos que se volvan producir situacións como as de anos anteriores nas que a auga afectou a vivendas e servizos do Concello", apunta o rexedor gondomareño.
Solucións á seca estival
Por outra parte, esta semana tamén se levou a cabo unha segunda reunión técnica con Augas de Galicia para estudar as solucións á seca no período estival formuladas en reunións anteriores.
En concreto, neste encontro avaliouse a posibilidade de levar a cabo unha nova captación auxiliar de recurso hídrico cara á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), o que permitiría aumentar as reservas de augas limitadas ao fluxo do río Touteiras.