Na reunión, o concello de Gondomar volveulle a trasladar ao Executivo galego a súa disposición a negociar sempre e cando as dúas concesionarias que operan no municipio, ATSA e Melytour, cheguen a un acordo para que ambas poidan acceder á Estación de autobuses; desexo que tamén comparte a Plataforma de usuarios do transporte público. Hai que recordar que, actualmente, os autobuses de ATSA procedentes de Vigo deixan aos seus pasaxeiros en Mañufe ao non poder entrar en Gondomar, mentres que os de Melytour si pasan polo centro. “Sempre hai opción se todos temos vontade”, afirma Fernando Guitián, alcalde do municipio.
Froito do diálogo mantido durante estes meses, desde o Concello infórmase de que a compañía ATSA accedeu a repoñer algunhas das frecuencias retiradas.
Pola súa parte, a Xunta amosouse receptiva e disposta a axudar e mediar no conflito polo que, anunciou, tamén manterá reunións coas empresas de transporte.
Por outra banda, o encontro tamén serviu para trasladarlle ao Executivo galego unha proposta relativa ao transporte para os universitario da zona. “Segundo datos do pasado ano, en Gondomar temos aproximadamente 300 alumnos universitarios, motivo polo cal, cremos que sería moi interesante e proveitosa a posibilidade de establecer un servizo para que se poidan desprazar ata os centros universitarios de Vigo”, explica o rexedor gondomareño.
No encontro tamén estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez Yáñez, e o xefe do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade.