^ Ir arriba

novas

Xoves, 13 Xaneiro 2022 16:47

Gondomar aproba máis de 57.000 euros de axuda ao comercio local coa segunda liña de subvencións Covid19

Dende marzo de 2021 ata agora o goberno de Paco Ferreira deu luz verde a dúas liñas de axuda á economía local que suman un total de 200.000 euros.
 
As subvencións ao comercio local enmárcanse dentro da segunda convocatoria aberta para axudar ás pequenas e medianas empresas a facer fronte á crise xerada tras a pandemia. En total puxéronse ao dispor deste obxectivo 116.000, 64 euros, aos que hai que sumar os 100.000 euros dunha primeira liña aprobada en marzo de 2021 e dirixida entón ao sector da hostalería, o máis prexudicado nese momento.
 
“O noso obxectivo, desde o inicio desta pandemia, é estar xunto a quen se viu máis afectado, e neste caso o pequeno e mediano comercio notou moi de preto a crise económica xerada tras a aparición do virus”, explica o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, quen engade que “por iso articulamos todas as medidas e axudas que estaban ao noso alcance para manter a economía local e os empregos que xera”.
 
Máis de 50 empresas locais beneficiadas das axudas
 
 
Nesta segunda convocatoria de axudas promovida polo goberno local, a través da súa concellería de Comercio, aprobáronse un total de 51 subvencións a pequenas e medianas empresas do sector, isto é, un total de 56.800 euros en axudas, que se distribuirán en cantidades que oscilan entre os 1.000 e os 1.500 euros, segundo os requisitos recollidos nas bases. Presentáronse un total de 56 solicitudes, das que 23 foron aprobadas antes de nadal, abonándose entón un total de 25.600 euros. A elas sumáronse esta semana outros 29 solicitantes, ao comprobar a mesa de valoración que subsanaron os requisitos requiridos, aprobando así a concesión de 31.200 euros máis.
 
Liñas de axuda COVID 19
 
 
Estas subvencións enmárcanse dentro da segunda liña aberta para axudar ás pequenas e medianas empresas a facer fronte á crise xerada tras a pandemia. En total puxéronse ao dispor deste obxectivo 116.000,64 euros, dos que 41.646,64 euros
proceden da liña 2 do Plan Concellos da Deputación Provincial e o resto achégao o goberno local ao sumar 75.068 euros, procedentes da modificación orzamentaria en modalidade de crédito extraordinario.
As bases establecen o límite máximo de subvención do 100% do total do gasto subvencionable fixándose o máximo de 1000 euros para persoa traballadora autónoma sen traballadores; ata un máximo de 1.200 para autónomo e micro empresas con ata 5 traballadores; e ata un máximo de 1.500 euros para autónomos e micro empresa con entre 6 e 10 traballadores Súmase a estas subvencións a primeira liña de axudas aprobadas e entregado en marzo de 2021. O goberno deu luz verde a unha modificación orzamentaria na modalidade de crédito financiado co remanente de tesorería que permitiu poñer 100.000 euros ao dispor do sector da hostalería, un dos máis prexudicados no momento polo peche e restricións impostas polas autoridades sanitarias.