^ Ir arriba

novas

Mércores, 12 Xaneiro 2022 15:59

Gondomar bate récords no crecemento da recollida selectiva de residuos

 
punto limpo 2.jpg
Gondomar finaliza o ano 2020 co máximo crecemento na xeración de residuos no municipio, tanto na fracción de resto como a recollida selectiva. Con todo cabe destacar como dato positivo o gran empuxe que experimentou a recollida selectiva grazas a implicación e concienciación da veciñanza, que dende un primeiro momento sumouse ás políticas promovidas polo goberno local.
 
“É unha gran satisfacción comprobar a evolución dos datos en materia da recollida selectiva nos tres últimos anos”, afirma o alcalde Paco Ferreira, “porque demostra que a aposta que no seu momento fixo o goberno pola incorporación dunha nova concesionaria, así como a modernización e renovación da frota automobilística ou dos colectores, entre outras medidas, foi acertada. E nesta liña seguiremos traballando”. Pero foi máis alá ao lembrar “que de nada vale todo isto se non temos o respaldo da veciñanza, que no caso de Gondomar foi funtamental”.
 
Recollida selectiva total
 
Desde o inicio da lexislatura foi un dos obxectivos da concellería de Medio ambiente, que dirixe Brais Misa, e que se foi plasmando con medidas concretas como o incremento de colectores selectivos nas parroquias, a mellora das illas existentes ou a súa renovación e modernización. Medidas que, xunto ás campañas informativas e de
sensibilización explican o incremento continuo que a recollida selectiva experimenta desde o ano 2018 ata a actualidade, nas tres fracciones.
 
A fracción papel-cartón, tras alcanzar a súa peor cifra no 2017 con 98.880 quilos, cambiou a tendencia coa implantación das novas políticas pechando o 2020 con 165.430 quilos, unha media 11,3 quilos por habitante, media que aínda queda afastada da que se rexistra en España.
 
Situación similar rexístrase na recollida de envases lixeiros, que tras rexistrar no 2018 a súa peor cifra consegue duplicar a recollida en dous anos alcanzando os 191.360 quilos, achegando a media de 13 quilos por habitante á española, despois de manterse nesta franción case cinco puntos por baixo dela.
 
Por último, a fracción de vidro é a que maior crecemento rexistra cun total de 206.860 quilos no 2020 fronte aos 134.980 que se reciclaban hai unha década, situando a media por habitante en 14,1 quilos, case ao mesmo nivel que a rexistrada en España.
 
Fracción resto. Residuos sólidos urbáns.
Nesta fracción inclúense os residuos de tipo orgánico e aqueles que non son susceptibles de poder ser separados de forma selectiva. Na última década a evolución da fracción resto foi ascendente, pasando das 5.037 toneladas no ano 2010 ás 5.181 toneladas no 2020, situándose na actualidade a media de produción de residuos sólidos por habitante en 373 quilos.
 
Segundo os datos oficiais este incremento na fracción resto é constante debido ao crecemento demográfico rexistrado no municipio, así como pola pandemia que supuxo máis xeración de residuos no fogar como consecuencia do confinamento.
 
Punto limpo
 
Na actual lexislatura unha das prioridades do equipo de goberno foi
modernizar e potenciar o Punto limpo, investindo na mellora das súas instalacións e incluíndo unha zona para e depósito de Residuos Eléctricos e Electrónicos, subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
 
Isto supuxo que creza o depósito de materiais autorizados no punto limpo, que no 2020 rexistrou un total de 269.322 quilos fronte aos 143.776 recollidos un ano antes, destacando o crecemento, entre outros, do depósito de RAEES, cun total de 27.720 quilos almacenados no 2020 fronte aos 11.020 do 2019.
 
Voluminosos (34.180 quilos), Madeira (77.140 quilos) ou entullo (45.2960) son os elementos que máis se depositaron no punto limpo, xunto a outros como pneumáticos, plástico ou chatarra. Cabe apuntar tamén o crecemento de depósito de pilas, favorecido pola diversificación de puntos de recollida no municipio que posteriormente son baleirados no punto limpo, facilitando a reciclaxe á poboación.
 
Fracción orgánica
 
Non menos importante o esforzo realizado en fomentar a reciclaxe da fracción orgánica na que se traballa desde o 2017 tras a adhesión ao Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra. Desde entón ata o de agora o interese cidadán creceu e xa son preto de 400 os fogares que solicitaron ao departamento de Medio Ambiente un composteiro individual, aos que se suman os dous centros de compostaxe comunitario de Gondomar.
 
“As cifras demóstrannos que estamos no bo camiño e nel queremos seguir. A política medio ambiental, na que a xestión e reciclaxe dos residuos son unha parte importantísima, seguirá sendo unha das nosas apostas para conseguir un concello sostible e respectuoso co medioambiente”, concluíu o alcalde Paco Ferreira.