^ Ir arriba

novas

Venres, 29 Octubro 2021 19:55

Gondomar recibe de Caixabank 5000 euros anuais para adquirir alimentos

 
2O4A0038.jpg
 
 
 
Un ano máis o goberno local e a entidade crediticia aúnan esforzos para axudar ás familias máis vulnerables do municipio coa achega, por parte da Obra Social da Fundación da Caixa, de 5000 euros anuais que se destinarán para a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade.
 
A entrega simbólica escenificouse esta mañá coa presenza da directora de área de negocio Pontevedra Sur, Cristina Vega, e o director da sucursal en Gondomar, Alberto Sorribes, así como o alcalde, Paco Ferreira e a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro. Estiveron acompañados por dous dos voluntarios que acoden puntualmente ao banco municipal de alimentos, Jose Luís Moreno e Jose Luís Fernández.
 
Paco Ferreira agradeceu o apoio que “sempre atopamos por parte da Fundación en cuestións deste tipo” e lembrou a importancia de manter a colaboración entre o sector privado e público á hora de “buscar solucións e ferramentas para favorecer e axudar aos máis vulnerables da nosa sociedade”.
 
Pola súa banda os representantes de Caixabank mostráronse moi interesados en coñecer as distintas iniciativas que ten en marcha o departamento de Benestar social no municipio, comprometéndose a estudar posibles colaboracións no futuro noutros ámbitos.