^ Ir arriba

novas

Venres, 22 Octubro 2021 17:36

O Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar súmase á enerxía renovable

 photo_2021-10-22_10-03-25.jpg

O centro estrea un sistema de calefacción, composto por catro caldeiras, unha instalación térmica de biomasa que dará servizo a todo o inmoble e aposta directamente polas enerxías renovables, política que se fomenta desde o  concello de Gondomar.

 A nova  infraestrutura contou cun investimento de 88,600 euros, financiados con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ( FEADER). “A instalación desta nova caldeira supón unha mellora e modernización substancial do espazo e proporcionará un importante aforro enerxético neste edificio”, manifestou o rexedor Paco Ferreira, durante a visita ao centro.

 Acompañado polo concelleiro de  Medio  Ambiente, Brais Misa, lembrou que “un dos nosos obxectivos como administración é reducir a pegada ambiental de Gondomar, e apostar por todos os medios e recursos que permitan logralo como é o caso das enerxías renovables, algo no que estamos traballando”.

 A nova instalación térmica de biomasa está composta de catro caldeiras e dun sistema de control que permitirá o funcionamento por sectores no edificio, dividido en dúas ás, de maneira que “se poderá acender segundo as necesidades e as demandas que existan en cada momento, sen necesidade de quentar todo o edificio como viña facendose ata o de agora”, explicou o edil de Medio Ambiente.

​O proxecto complétase cun depósito de inercia de 1000 litros que almacena a enerxía que xeran as caldeiras. Ademais, situouse un contador para a medición de kwhtérmicos consumidos e un sistema de telexestión e control de incidencias con comunicación de alarmas á empresa encargada do seu mantemento, acordado no  contrato de concesión por un período de 6 anos.

 A reforma das catro caldeiras completouse con outras melloras como o arranxo da cheminea, instalación dunha nova porta máis na sala e a localización dun silo de almacenamento, con capacidade de 20  toneladas, para cubrir as necesidades da nova instalación.

 O alcalde Paco Ferreira mostrou a súa  satisfación  “por poder seguir fomentando ou uso da biomasa forestal, unha  enerxía renovable con reducido impacto ambiental que polo seu carácter autóctono favorece o autoabastecemento e a seguridade de  subministración a prezos competitivos, á vez que reduce a contaminación e a  nosa pegada ambiental non planeta”.

photo_2021-10-22_10-01-47.jpg