^ Ir arriba

novas

Xoves, 30 Setembro 2021 13:47

Gondomar aspira ao recoñecemento de 3 flores de honra por parte da Asociación “Vilas en flor”

photo_2021-09-29_13-42-18.jpg

O xurado do certame anual visitou esta mañá a vila, acompañado polo alcalde, Paco Ferreira, e o edil de Medio Ambiente, Brais Misa, así como polos técnicos do departamento que explicaron as actuacións executadas no último ano para avanzar na mellora ambiental e social do  concello.

Os membros do xurado recibiron as explicacións sobre a memoria desenvolvida para a  ocasión na que destaca a recente adquisición e limpeza da Casa Peralba para destinar a usos sociais da veciñanza nun futuro. “Un investimento importante para o noso concello e que reverterá na mellora non só do seu aspecto se non tamén da calidade de vida dos nosos habitantes”, manifestou o rexedor Paco Ferreira.

Nesa mesma dirección a construción do novo parque canino-lúdico atendendo unha demanda social existente na maior parte das localidades como é a dotación de espazos para o uso e goce das mascotas, que neste caso completouse cun parque biosaudable. Suma Gondomar, en busca dese terceiro galardón, a mellora das zonas  verdes coa inclusión de novas xardineiras ornamentais, como a que loce nas inmediacións do campo de fútbol de  As Cercas.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, mostrou a súa confianza en sumar este ano unha flor de honra máis de “Vilas en Flor” e reiterou o seu compromiso firme “de seguir traballando por facer de Gondomar unha localidade sostible e referente en materia de dinamización ambiental e paisaxística”.

O certame “Vilas en flor” está organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de  Viveristas do Noroeste e a Asociación  Galega de Empresas de  Xardinería, e esta é a terceira edición na que participa Gondomar que o pasado ano foi distinguido con dúas flores de honra por o “gran  esforzo en  dixitalizar  as zonas verdes” e  as  boas  actuacións non núcleo urbano.