^ Ir arriba

novas

Martes, 14 Setembro 2021 13:25

Gondomar adquire unha marcadora para loitar contra a velutina

af9a4a3c-f076-40c4-be00-4fa69a09131c.jpg 

O goberno local segue dotando de medios e materiais aos apicultores que loitan contra esta especie invasora ante a escasa resposta e inacción da Xunta á hora de exercer as súas competencias nesta materia.

​O goberno local de Gondomar, a través da Concellería de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, dirixida por Brais Misa, segue dando pasos para combater a invasión das velutinas no municipio e retirar os niños que desta especie formáronse neste ano, experimentando un ritmo de crecemento importante.

​Ás trampas que no seu día se facilitaron aos apicultores da zona súmase agora unha marcadora que permitirá  inocular veleno aos niños de forma directa a través do disparo de cápsulas biodegradables. “É o 012 o que debe atender os requirimentos das persoas afectadas, pero o considerable atraso co que son atendidos fainos intervir porque o goberno local non pode quedar cruzados de brazos”, manifestou o rexedor Paco Ferreira.

​A nova marcadora, que cumpre todos os requisitos establecidos pola normativa, permitirá acceder a aqueles niños que se atopan a máis altura, podéndose  alcanzar ata os 50 metros.

​O concelleiro de Medio Ambiente reitera que é o teléfono gratuíto 012, dependente da Xunta de Galicia, ao que deben dirixirse sempre en primeiro lugar os afectados polos niños das velutinas, pois o goberno autonómico financia unha empresa específica para atender estes casos.

“Certo é que o incumprimento sistemático dos cinco días de prazo para actuar pola súa banda levan a moitos veciños e veciñas a recorrer a nós”, explica o edil, que lembra que só neste caso poden pedir axuda ao  concello, cubrindo unha solicitude que pode retirarse no rexistro municipal ou a través da web. 

Competencias que asume o goberno de Gondomar coa colabración de tres apicultores expertos os que no último ano facilitouselles traxes de protección integral e materiais específicos, ao que se sumaron 50 trampas para acabar coa velutina, sumando agora a nova marcadora que permitirá avanzar no control desta especie invasora.

Medio Ambiente tamén ten en marcha un ficheiro de control de retirada dos niños, segundo o que no primeiro semestre deste ano 2021 retiráronse xa un total de 103niños fronte os  178 retirados en todo o ano 2019 .