^ Ir arriba

novas

Mércores, 24 Marzo 2021 20:21

A TAPERIA “ADECHAPE”, GAÑADORA DO I CONCURSO DE TOSTAS DE OUTONO DE GONDOMAR

O certame, organizado pola concellaría de Comercio e Turismo, que dirixe Rocío Goberna, púxose en marcha como unha iniciativa para promover a dinamización do sector e o consumo na hostalería local ante a difícil situación que vive como consecuencia da pandemia e as continuas restricións ás que se viu sometida. O segundo premio recaeu sobre a xamonería “Catro Camiños”, mentres que “Terra, uva e cebada” fíxose co terceiro.
O acto de entrega dos galardóns celebrouse este martes e nel o rexedor, Paco Ferreira, agradeceu o esforzo e gran traballo que está a facer a hostalería de Gondomar “nestes momentos difíciles que nos están tocando vivir a todos e todas” e nos que, asegurou, “o noso goberno estará ao voso lado promovendo axudas e iniciativas que permitan que esta travesía sexa máis fácil para todo o sector”.
Así lembrou que recentemente se aprobou unha partida de 100.000 euros para axudas directas a hostalería e o sector do taxi ás que se suman ideas como este Concurso de Tostas de Outono que “tiña como obxectivo fomentar o consumo nos establecementos de Gondomar que concursaban, xa que os usuarios que votaron entraban nun sorteo no que os gañadores serían premiados con vales de 200 euros, 100 e 50 euros que deberán gastar nos establecementos gañadores”.
O primeiro premio recaeu sobre a tosta “Mar e Terra”, con 590,5 votos, na que se combinaban os produtos da terra cos de tempada combinando sobre unha rebanada de pan de centeo, ventresca, piquillo, noces, parmesano e balsámico de módena. Unha tosta que leva aparellada a entrega da “chaquetilla de chef” oficial do certame e a posibilidade de encabezar o cartel de promoción da seguinte edición.
O “Bocado do Monte” da xamonería “Catro Camiños” obtivo un total de 556.5 votos, o que lle otorgou o segundo posto, e “Terra, Uva e Cebada” con 496 papeletas ocupou o terceiro lugar coa súa tosta de Mencía e Figos. Ambos recibiron un diploma acreditativo.
No acto de entrega tamén estiveron os clientes premiados que obtiveron 200 euros, 100 e 50 euros en vales que poderán utilizar en concepto de cea, comida e xantar nos tres establecementos que accederon ás mellores puntuacións, isto é os 200 euros corresponden ao primeiro premio, os 100 ao segundo e os 50 ao terceiro.
O alcalde Paco Ferreira destacou a gran acollida que tivo esta primeira edición do Concurso de Tosta de Outono de Gondomar no que participaron preto dunha quincena de establecementos cunha oferta variada e orixinal, e expuxo a súa confianza en que o próximo ano este número de participantes crezca.

164007805_2791035574492320_8509329607660862493_o.jpg