^ Ir arriba

novas

Mércores, 10 Marzo 2021 14:53

Gondomar dota aos apicultores de trampas para combater a avespa velutina

O goberno local de Gondomar, a través da súa concellería de Medio Ambiente, fixo entrega dun centenar de trampas a apicultores do municipio para evitar a formación de niños e a proliferación das avespas velutinas nos meses nos que esta especie inicia a súa reprodución.
As trampas servirán para atraer ata elas ás raíñas, coincidido cos meses nos que constrúen os niños primarios nos que manteñen ata a 50 novos exemplares, que posteriormente construirán os niños secundarios moito máis grandes e en máis cantidade.
En total fíxose entrega dun centenar de trampas que se repartiron entre 50 apicultores do municipio. Cada un deles recibiu un par xunto a dúas dose de líquido atraínte para enchelas, así como unha pequena explicación por parte dos técnicos do seu funcionamento.
Ao acto de entrega asistiu o rexedor do municipio, Paco Ferreira, acompañado polo edil de Medio Ambiente, Brais Misa, e lembrou que “dende sempre o noso goberno mostrou a súa disposición para axudar aos apicultores ou a quen se vía afectado por esta especie invasora, o ser fundamental a colaboración entre administracións aínda que a responsabilidade de prestar os medios e a axuda é da Xunta de Galicia, a través do 012”.
Fixo fincapé en que ese debe ser o teléfono ao que se dirixan aqueles que detecten un niño de velutinas para que llo retiren pero conscientes de que a resposta “é demasiado lenta o non cumpre os prazos indicados” veciños expertos veñen realizando esta tarefas desde hai tempo.
A eles agradecéuselles o traballo realizado e o pasado ano fíxoselles entrega de tres traxes de protección integral e materiais específicos para que realicen este labor, que desenvolven de forma altruísta. No que levamos de ano retiráronse 32 niños de avespa velutina, aos que se suman os preto de 200 do 2020. A avespa velutina é unha especie que supón un risco para a biodiversidade xa que afecta directamente á produción apícola e frutícola, ao estar a súa dieta formada basicamente por abellas e froita.

2O4A1661.jpg