^ Ir arriba

novas

Xoves, 04 Marzo 2021 17:24

As mulleres de Gondomar, protagonistas na celebración do 8 Marzo de 2021

Máis dun centenar de mulleres, veciñas de Gondomar, participan nun vídeo conmemorativo elaborado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, promovido pola concellería de Igualdade, demostrando a súa implicación e achega diaria na loita por lograr unha igualdade real entre homes e mulleres.
Mozas, anciás, nenas, traballadoras, estudantes ou mulleres en paro todas sumáronse a achegar a súa imaxe como símbolo do papel que representan na sociedade e sumarse así aos actos que este ano organizou o Goberno local con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, ante a imposibilidade de celebrar manifestacións ou concentracións debido á situación de emerxencia na que se atopa o país.
Todas elas serán as protagonistas dun vídeo que se difundirá durante o vindeiro luns 8 de marzo e no que a súa imaxe estará acompañada por frases de loitadoras históricas polos dereitos da muller como Rosalía de Castro, Clara Campoamor, Rosa Luxemburgo, Emily Dickinson, Rosa Parks ou Emilia Pardo Bazán, entre outras.
A difusión do vídeo intégrase dentro do programa de actividades que terá como acto central a lectura dun manifesto institucional a partir das 12.00 do mediodía na Praza Paradela onde, como en anos anteriores, instalarase o Punto de Igualdade no que se entregarán máscaras deseñadas para conmemorar a xornada, e confeccionadas pola Asociación Galicia Nai e Señora (reutilizables e homologadas) e que destina parte dos beneficios a axudar ao Pobo Saharahui.
Por outra banda o goberno local edituou unha guía titulada “Gondomar, sementando igualdade”, financiada polos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Nela, ademais de ofrecer información sobre as distintas institucións públicas e teléfonos que hai ao dispor das mulleres máis vulnerables ou vítimas de violencia de xénero, expóñense liñas básicas para identificar no noso día a día os micromachismos ou situacións de desigualdade cara ás mulleres, así como as claves para conseguir camiñar todos na mesma dirección na achega da igualdade.
Conscientes desde o goberno local da importancia de sensibilizar á sociedade nesta materia unha vez máis aposta firmemente polas novas xeracións, programando obradoiros que se ofrecen aos CEIP do municipio. Dirixidos aos estudantes 6º de primaria, desenvólvense en diferentes trimestres, e nesta ocasión céntranse na educación afectivo-sexual ou na detección dos micromachismos, iniciativas que sempre teñen unha gran acollida por parte da comunidade educativa.

photo_2021-03-04_14-25-03.jpg