^ Ir arriba

novas

Venres, 07 Febreiro 2020 10:08

Gondomar iniciará os trámites para dotar de bandeira oficial ao municipio

O alcalde do municipio, Paco Ferreira, trasladou esta idea á Directora Xeral de Administración Local, e presidenta da Comisión Heráldica de Galicia, Marta Fernández Tapias, na súa primeira visita institucional a Gondomar.

Paco Ferreira expuxo a intención do seu goberno de poñer en marcha o proceso que permita dotar deste símbolo ao municipio, sintetizando nel “as características que nos definen como sociedade, como pobo, tanto xeográficas como históricas, tal e como se fixo no seu día co noso escudo”. 

Unha idea que aplaudiu a responsable do goberno autonómico que como presidenta da Comisión Heráldica de Galicia comprometeuse a facilitar e iniciar os trámites necesarios para dotar a Gondomar dunha bandeira canto antes, traballo que explicou será máis sinxelo porque se traballará xa sobre o propio escudo do municipio.

O alcalde anunciou que formalizará a petición en breve. Unha vez superado este paso, expertos da Comisión  Heráldica trasladaranse ao concello para asesorar e colaborar no deseño da bandeira, elaborando as propostas e memorias  heráldicas necesarias que deberá aprobar o pleno da corporación por maioría absoluta.

Tras a exposición pública e resolución de alegacións, remitiranse á Comisión  Heráldica de Galicia para que emita o informe, preceptivo e vinculante, que se elevará ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.

Ademais, nesta primeira visita institucional o alcalde aproveitou para lembrar a importancia da colaboración entre administracións, demandando a mediación da Directora  Xeral en cuestións como as futuras obras que acometerá a Xunta de Galicia na contorna da Pasaxe. 

“É importante que traballemos da man neste ámbito, tendo en cuenta que practicamente ao mesmo tempo desde o goberno local poñerase en marcha o reparcelamento do polígono e, o obxectivo é optimizar esforzos e ocasionar as menores molestias posibles a veciños e empresarios”, sinalou Paco Ferreira.

Durante a súa visita mostrouse Marta Fernández Tapias o novo vehículo todoterreo da Policía Local de Gondomar, adquirido ao amparo do Fondo de Compensación autonómico e que se destinará a funcións de protección do medio ambiente e do espazo natural. 

foto 17.jpg