^ Ir arriba

novas

Xoves, 12 Decembro 2019 13:12

Gondomar prepara un documental sobre a pegada da emigración na localidade

“Porque sen o noso pasado non comprenderiamos o presente e o futuro sería imposible, e por iso debemos recuperar a nosa memoria histórica e reforzar así algo tan valioso como o patrimonio inmaterial”. Así o sinalou este mércores o rexedor Paco Ferreira no acto no que se presentou o proxecto de rodaxe dun documental sobre a emigración en Gondomar.
Durante a presentación o rexedor subliñou o feito de que o fenómeno migratorio foi unha constante na historia da maioría de vilas galegas, converténdose nunha saída á que se viron abocadas miles de persoas, entre eles moitos veciños da localidade, na procura de novas oportunidades “que non sempre atopaban de forma fácil”.
Paco Ferreira explicou que se trata de recuperar a través dun documental, cunha duración aproximada de 50 minutos, testemuños vivos daqueles que desde o outro lado do océano, coas súas achegas económicas, brindaron novas oportunidades aos veciños das súas localidades de orixe, facilitándolles “en moitos casos os medios dos que eles careceron, como a formación, e que supuxo unha verdadeira dificultade para os emigrados nos países de orixe”.
Por iso farase fincapé na educación e en como a emigración apostou por ela, concretamente, coa constitución das “escolas americanas” froito da xenerosidade dos emigrantes que enviaron doazóns económicas para a construción de escolas nas que formar ás novas xeracións, converténdose o ensino nun vehículo regenerador e nun resorte de transformación social.
O director do proxecto, Xan Leira, agradeceu o interese e aposta do goberno local polo proxecto e explicou que, previsiblemente, estrearase no primeiro trimestre do ano 2020 en Gondomar, sen descartar, que se poida tamén proxectar tamén en Buenos Aires.
A súa elaboración desenvolverase en diferentes fases, sendo a primeira delas o contacto e conversacións con emigrantes retornados. Algúns destes testemuños proxectáronse durante a presentación e poderanse consultar na web www.gondomarnaemigración.wordpress.com, creada como primeiro paso do proxecto e que se irá dotando de toda documentación relacionada con este proceso de creación do documental.
A segunda fase, que arrincará no mes de febreiro, centrarase na gravación das entrevistas en Gondomar, así como no Museo Pedagóxico de Galicia, tal e como sinalou o propio Xan Leira, e, finalmente a rodaxe e posterior montaxe
Asistiu tamén á presentación o presidente do Círculo Val Miñor en Buenos Aires, Alberto Lloret, quen agradeceu ao alcalde Paco Ferreira a súa aposta por “un patrimonio tan importante como é o da nosa historia e a estreita relación que se creou entre Gondomar e países como Arxentina ou Uruguai cos que os lazos que se estableceron entón forman parte da esencia do municipio”.

 

2O4A3981.jpg