^ Ir arriba

novas

Luns, 18 Novembro 2019 12:59

En negro contra a violencia

Gondomar súmase un ano máis á campaña “En negro contra a violencia”

 

 

O  concello de Gondomar súmase un ano máis á campaña “En negro contra a violencia” promovendo a implicación dos diferentes axentes sociais e económicos da vila nas actividades que se están organizando con motivo da celebración do día Mundial contra a Violencia de xénero, o próximo 25  N, prestando especial atención ao sector do comercio, como un elemento fundamental de contacto directo coa sociedade.

Por terceiro ano consecutivo o goberno local, a través da concellería de  Igualdade, a cargo de Nuria Lameiro, poñerá ao dispor dos establecementos de Gondomar material específico da campaña que permitirá identificar a súa adhesión a ela, así como a súa sensibilización na loita por erradicar a violencia machista da sociedade.

Desta forma a próxima semana, concretamente os días 18, 19 e 20 de novembro, os interesados/ as en participar poderán recoller o material (carteis e #mandil) no Centro de Información á Muller (CIM) entre as 09.00 e as 14.00 horas.

O pasado ano un 80% dos comerciantes de Gondomar sumáronse á iniciativa, cifra que desde a Concellería de  Igualdade confían incrementar ata o 100% “porque a súa implicación é fundamental ao trasladar e visibilizar de forma moi directa aos seus clientes, no seu día a día, a necesidade de non mirar cara a outra parte #ante a violencia machista, de loitar por eliminala das nosas sociedades”, sinala a edil Nuria Lameiro.

A campaña “En negro contra a violencia” xurdiu no 2015, inicialmente como unha proposta municipal, que en Compostela logrou mobilizar entón a preto de 280 establecementos e axentes comerciais do municipio. Esta cifra foise estendendo e sumando á súa causa a concellos de todo o mapa galego, logrando que en 2018 participasen preto de 100  concellos, tres deputacións e máis dun centenar de establecementos.

A adhesión a ela por parte do goberno local de Gondomar súmase ás distintas accións que  programará de forma específica con motivo do 25, como a iniciativa de “Camisetas solidarias”, desenvolta xa nos centros escolares do municipio, ou a convocatoria dunha concentración e lectura de manifesto ante o  Concello o propio Día Internacional contra a Violencia de Xénero, entre outras actividades prevista.