^ Ir arriba

novas

Luns, 04 Novembro 2019 18:56

Gondomar apoia o labor de Proxecto Gato cunha dotación anual de 4000 euros

Gondomar apoia o labor de Proxecto Gato cunha dotación anual de 4000 euros

 

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e Fátima Lago, membro da directiva de Proxecto Gato, asinaron hoxe un convenio de colaboración anual cunha dotación de 4000 euros, cantidade coa que a organización animalista fará fronte ás actividades desenvoltas ao longo de todo o ano 2019.

En total, segundo recolle a memoria, a asociación desenvolveu no concello de Gondomar nos nove primeiros do ano un total de 53 intervencións, a maioría delas con gatos, e, básicamente centradas no servizo de recollida por abandono, castracións ou instalación dos chips nos animais.

Non se pode esquecer o caso de “Morgan”, un felino que debe a vida á Asociación Proxecto Gato que tras recollelo gravemente ferido na parroquia de Morgadáns, con máis de 50 perdigonazos no seu interior, atendeuno e buscou un fogar de acollida. Un caso que contou coa colaboración da Policía local e a Garda Civil do municipio para a súa resolución, tras presentarse a pertinente denuncia, que finalizou coa condena do responsable da maltreita situación do animal.

Paco Ferreira lembra a importancia da implicación das administracións locais con este tipo de asociacións onde “a colaboración estreita é necesaria para cubrir obxectivos comúns que redundan en beneficio da nosa localidade, e tamén dos animais”. Nese sentido mostrou a súa disposición para manter a colaboración e “mesmo se é necesario valorar a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria”.

Así subliña o importante traballo que realizan respecto ao control de colonias felinas que poidan existir no municipio “sen esquecernos das campañas de sensibilización e concienciación social que desenvolven dende o inicio do seu labor”, fai xa máis de 13 anos.

Unha idea que subliña Fátima Lago, integrante de Proxecto Gato, que afirma que “queda moito camiño que percorrer neste sentido. O noso obxectivo é concienciar sobre a importancia da castración e o microchip nos animais” porque “é a forma de evitar os abandonos e a aparición de grandes colonias felinas nos nosos municipios”.

Concello de Gondomar

           Agradece a colaboración do concello de Gondomar porque “toda axuda é pouca para facer fronte aos gastos que xera a nosa actividade”. Lembra que son máis de 300 os animais que na actualidade teñen nas súas instalacións, e que, en breve poderán trasladarse á nova sede que esperan poñer en marcha en breve en Prado, na parroquia de Morgadáns.

A portavoz da Asociación Proxecto Gato e o goberno local seguirán colaborando, tal e como manifestaron hoxe, na programación de actividades que redunden nestas ideas e na consecución do obxectivo que se persegue desde a organización que é o “abandono cero”, para o que non se descartan novas campañas de información e sensibilización cidadá, entre outras cuestións.

 

Gondomar 04 novembro 2019