Esta semana finalizaron as obras de mellora da iluminación no campo municipal de fútbol de As Cercas. Así o informou Juan Carlos González Camesella, responsable da área de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Gondomar.
As obras consistiron na instalación de 24 novos focos, cambio de cableado e cadros de mando ademais de arranxos e melloras no sistema de megafonía.
A nova iluminación, que supuxo un investimento de 24.336'92 euros financiados polo Plan de Investimentos 2014 da Deputación de Pontevedra, xa está en funcionamento.
"Estas novas instalacións eléctricas van permitir optimizar o uso do campo de As Cercas e explotar ao máximo o terreo de xogo, xa que debido á boa iluminación actual se abre a posibilidade a que poidan xogarse partidos en horario nocturno sen ningún problema", afirma Camesella.